PROBA DE PARAPENTE 20-21 DE XUÑO DE 2026

Compartir

Cartel parapente

Os días 20 e 21 deste mes de xuño de 2026 organizada pola Federación Aeronáutica Galega e o Comité Técnico de Parapente de Galicia realizarase na contorna da Serra do Rodicio,  se as condicións atmosféricas o permiten, unha proba valedoira para a liga Galega de Parapente.

O Rodicio foi o berce deste deporte na nosa provincia. Alá polo ano 1992 o Club de Parapente Papaventos, con sede en Xunqueira de Espadanedo, crea unha escola que durante sete anos impartiu formación a un bo número de pilotos. A puxanza doutras zonas de voo e o peche de escolas, motivaron que durante algúns anos no Rodicio se suspendese a actividade formativa e a celebración de eventos deportivos, sen que iso impedise que os veteranos deste deporte seguisen visitando e voando os vales de Xunqueira- Maceda e Montederramo. 

Na nosa provincia, a outra zona de referencia para este deporte é o Larouco, no Concello de Baltar, escenario de probas tan importantes como A Copa do Mundo de Parapente. En ámbalas zonas danse unhas condicións para o voo inmellorables, xa que as limitacións para o voo establecidas polo regulamento de aviación civil e a normativa de protección de espazos naturais permiten aos pilotos que neste amplo sector se poidan alcanzar alturas de voo de 2800 m. sobre o nivel do mar e percorrer distancias entre ambas as zonas atravesando alta e baixa Limia e mesmo chegando ata o Val de Quiroga na veciña provincia de Lugo.

É de destacar a implicación, no “proxecto de recuperación ou nova posta en marcha da zona de voo do Rodicio”, que tanto Concello como propietarios e Comunidades de Propietarios de Montes demostraron, o primeiro co investimento e mellora das infraestruturas necesarias para o deporte e os segundos permitindo aos deportistas utilizar os terreos onde se sitúan engalaxe e aterraxe. 

Este proxecto botou a andar no 2024 promovido polos Clubs deportivos que operan na zona e a Federación. Ata a data conseguíronse os seguintes logros: 

-a instalación dunha estación meteorolóxica que a “Comunidade de Montes Veciñal en Man Común de Uzal” autorizou a situar no engalaxe, terreo do que é propietaria. A información dela obtida transmítese a través de dispositivos móbiles sendo de libre acceso, está dispoñible na páxina web do Concello e comezou a funcionar en xuño de 2024; 

- o acondicionamento do despegamento, que se levou a cabo a comezo da tempada 2025;

- a celebración dunha charla de presentación da APP Meteonube, relacionada co voo libre, que por cortesía do Concello levouse a cabo na propia sede desta administración no mes de marzo do ano en curso. 

Para esta proba deportiva o Concello de Xunqueira de Espadanedo xunto coa Deputación de Ourense ten previsto o acondicionamento da pista de acceso, desde a estrada, á área de engalaxe.

Os días que duren as probas deportivas, alén de poder observar as evolucións dos pilotos en competición, os visitantes poderán, se o desexan, gozar da experiencia en primeira persoa, realizando voos en parapente bipraza con algún dos pilotos especializados que se atopen na zona.