Desde hai algunhas décadas o ceo de Xunqueira de Espadanedo ven sendo un referente para os deportista practicantes do voo libre na modalidade de parapente. Concretamente en 1992 estableceuse no noso concello e comezou a súa actividade o Club de parapente Papaventos que coa súa escola deu formación durante anos a gran número de pilotos. Desde entón moitos clubs, escolas e practicantes visitan a zona de voo escenario de concentracións e campionatos de diversa índole. Probas internacionais como os Campionatos Ibérico ou o Europeo de Parapente, realizaron os seus percorridos na nosa contorna en diversas edicións.
Co despegamento oficial na ladeira do Rodicio grazas a atoparse no límite dun espazo aéreo (TGAL 6) cunhas limitacións para o voo libre que permiten acadar os 2895 m. e unhas condicións atmosféricas ideais para a actividade que nos ocupa, os pilotos percorren a provincia de norte a sur evolucionando sobre unha paisaxe de gran riqueza natural, Ribeira Sacra, Cañón do Sil, Limia, etc, o que lles comunica cos despegamentos e aterraxes doutras importantes zonas de voo como a Serra do Larouco, tamén ourensá.
Desde o Concello, convidamos a todos os practicantes desta actividade e doutras modalidades relacionadas co voo libre, a que atopen as mesmas condicións oportunas que o parapente atopou, a que sigades visitándonos, co convencemento de que coa vosa participación e coas actuacións que esta entidade vén desenvolvendo para a mellora das infraestruturas básicas se siga potenciando e mellorando a Zona de Voo Serra do Rodicio. Asemade animamos aos non practicantes destas actividades a vir igualmente para poder contemplar ademáis do entorno natural, os vóos en parapente coa posibilidade de poder realizar biprazas con algún dos experimentados pilotos que frecuentan a zona.
Contactos de interés: Información estación meteorolóxica situada no despegue: https://despegue.es/rodicio
Web relacionada coa actividade: https://www.galiciaparapente.com/
Para realizar biprazas: Marcos Gay Varela Teléfono ou whatsapp +34613482594